Neste país, cando se teñen arredor dos 14 anos, a principal ocupación da maioría é o estudo e a formación. Estes factores son claves para unha vida plena en liberdade e para garantir a igualdade de oportunidades de todas as clases sociais, razas e, por suposto, sexa cal sexa o sexo ou tendencia sexual de cada un. Todo esto será posible, e cada vez máis ao noso alcance, se temos un ensino público gratuíto e de calidade.
Ultimamente estamos a sufrir uns recortes e ataques ao ensino público que fan retroceder moito do avanzado nos últimos anos. Aumento de gastos polos libros de texto, descenso nas becas, masificacións nas aulas públicas fan que as élites, os ricos, teñan moitas máis oportunidades que a clase media-baixa (cada vez máis baixa). O recorte que estamos a sufrir é aínda máis doloroso se vemos que, con cartos públicos, se financian innecesariamente centros privados e mesmo centros onde separan a mozos e mozas con criterios doutra triste época aínda añorada por algunhas mentes carcas.
Poñamos en valor o que temos (escribo en presente porque aínda estamos a tempo de mantelo) e reivindiquemos con forza un ensino público, gratuíto e de calidade. Tanto mozos e mozas como pais e nais non nos debemos conformar e, coa desculpa da crise, permitir que se impoñan unhas ideoloxías que nos fan retroceder a tempos que creiamos superados.
Quixera que as novas xeracións, que non viviron outras épocas, aprecien o que temos, loiten por mantelo e aproveiten as oportunidades. Por desgraza, e sen querer comparar, noutros países a educación non é nin gratuíta nin igualitaria e desgrazadamente, con 14 anos, chegan a xogarse a vida para poder ir á escola. Só apreciaremos o que temos cando o perdamos?