7 nov 2012

Que contraditorio!

(Espero que coherente)

Quero expresar o meu máis profundo rexeitamento ás medidas aplicadas polos nosos gobernantes nestes últimos tempos. Recortes na Educación pública, na Sanidade pública e demais servizos sociais; suba de impostos a todas as clases sociais (IVE); amnistía fiscal aos grandes defraudadores; privilexios á banca e aos que nos levaron a esta situación; recortes aos funcionarios; reforma laboral máis que inxusta; ... Non sigo, podedes engadir nos comentarios as medidas que non vos gusten.

Lendo o anterior parece claro que secundarei a folga xeral convocada para o vindeiro 14 de novembro. Pois non, non a secundarei. E non, non é que esté mal da cabeza (que tamén podería poñer esa desculpa jejeje), ocorre que hai dúas razóns de peso nesta decisión:

  1. Economicamente non me podo permitir outra folga. Aínda me teñen que descontar o correspondente á folga anterior que si secundei (creo recordar que foi o 29 de marzo e non sei a canto ascende a derrama) e, ademais das baixadas de soldo anteriores, acábanme de recortar un 7% -aproximadamente- do soldo (recorte que notarei en decembro coa perda da extra).
  2. (A máis importante) Hai poucas semanas que unha ampla maioría da sociedade galega avalou esta política. Entre os que votaron ao PP e os que se quedaron na casa, ao meu entender, demostran que gran parte dos galegos e galegas son partidarios de seguir como estamos.
Tendo en conta que a miña economía resentirase menos se non secundo a folga e contando que xa me manifestei onde máis nos debemos manifestar, que son as eleccións; e aí, nesa manifestación, democraticamente, arrasaron (45,72% dos que votaron e 36,2% dos que podían votar) os partidarios de seguir como estamos; eu, defensor da democracia, o 14N irei ao meu posto de traballo aínda que apoio todas as reivindicacións dos convocantes. CONTRADICIÓNS!! Coherencia??, non sei.
Foto de Innobasque en imágenes

Deixo unha pregunta no aire: Cantos dos convocantes, cantos dos que ese día serán piquetes ou cantos dos que ese día farán folga, non votaron o 21-O (ou, o que é peor, votaron ao PP avalando as súas políticas)?
Guste máis ou guste menos o sistema electoral, o sistema de partidos, ou outras razóns argumentadas, ningunha pode xustificar a non participación nas urnas, agás a de "non me importa".
Pois iso...