31 dic 2013

Remata o 2013

Último día deste ano. Remata o ano, un ano no que a crise económica está levando aos nosos desgobernates a aplicar a súa ideoloxía escudándose no aforro. Proclaman austeridade para todos menos para eles e os seus poderosos amigos. Recortan servizos sociais, sanidade e educación, perxudicando ás clases sociais máis desfavorecidas e privatizan servizos públicos para enrequzemento das clases máis poderosas. Están a levar este país a unha situación similar á que había 30, ou máis, anos atras.

Sempre que empeza un ano propoñémonos accións para mellorar e facemos unhas peticións para ver se se cumpren algúns desexos. Uns pídenllos a Papá Noel, outros aos Reis Magos, outros a santidades varias... hai para todos os gustos.
As miñas peticións van dirixidas a xente máis terrenal, aí van:
  • Comezo polo meu alumnado, pídolle que ... LEA, sexa crítico, que se forme o mellor posible, que dubide de todo, sexa curioso e pregunte.
  • Ao rei Juan Carlos pídolle que propoña a terceira república.
  • A Mariano Rajoy que admita a corrupción no seu partido (secreto a voces), dimita e convoque eleccións.
  • Aos votantes pídolle que non voten a ningún partido que leve corruptos nas listas, é dicir, pido o voto en branco!
  • Ao que gañe esas eleccións pídolle unha SANIDADE, EDUCACIÓN E SERVIZOS SOCIAIS, públicos e de calidade. Ademais debe traballar arreo para volver a unha tasa de paro decente. Se ademais devolve o poder adquisitivo de todos os traballadores a onde debe estar, xa... doulle un bico. (Polo tanto á LOMCE a freir churros!)
  • Aos traballadores (todos) pídolles eso, que traballen, pídolles profesionalidade.
  • Á cidadanía tamén lles pido iso, que sexa cidadá, cívica, educada, que predique co exemplo para poder esixir.
  • Ao meu conselleiro (algo sinxeliño) pídolle que baixe das nubes e nos dote cunha conexión a internet para o meu centro que nos permita traballar decentemente na nube.
Por último un desexo para todos: Saúde, boas festas e mellor 2014!

19 dic 2013

Non á LOMCE

Onte día 18 de decembro, alumnado do IES Breamo levou a cabo unha concentración no tempo de lecer para rexeitar a nova lei de Educación do PP (digo do PP porque é o único partido que a apoia).
O meu apoio a este acto! e o meu rexeitamento a esta lei. NON Á LOMCE!! #Wertdimisión

11 dic 2013

Poderemos traballar cunha conectividade aceptable?

IES Breamo, Pontedeume (A Coruña, Galiza, España, ¿Europa?) un día calquera a unha hora calquera e calquera de nós, se queremos poñer faltas no sistema de xestión, se queremos acceder a Google Drive, se queremos consultar algunha páxina web, incluso hai quen quere ver un vídeo de YouTube (jajaja, iluso/a); nada, imposible, perdemos o tempo sentados diante do ordenador para, ao final e na maioría dos casos, desesperados, non poder facer nada do previsto e cagarnos maldicir, cando menos, a conexión.

Na asignatura de Informática de 4º de ESO, en lugar de ensinar algún paquete ofimático como Open Office, Libre Office ou algún outro no que estades pensando (por certo, carísimo) decidín facer todo iso en Google Drive (así podemos compartir e colaborar con moita máis facilidade), temos sempre a última versión gratis, decidín que o alumnado tivera un blog onde publicar os seus traballos, facer cuestionarios (tamén de Google Drive) e poder consultar en Internet na súas respostas, ... E si, ímolo facendo, unhas veces (a maioría) moooooi lentamente, outras (as menos) cunha velocidade case aceptable.

Ante esta situación o alumnado (máis ben unha alumna e un alumno) decidíu recoller sinaturas entre os seus compañeiros e compañeiras, entre o profesorado e tamén das familias, para presentar ante a Xefatura Territorial da Consellería e solicitar unha mellora na conectividade que nos permita traballar como se estiveramos no século XXI. Asinaron 38 profesores/as, 251 alumnos/as e 190 pais/nais. (Bo traballo Leo e Carlos!!)

Por certo, hoxe temos sorte e a conexión vai bastante ben, deixovos unha imaxe dun test de velocidade que fixen a primeira hora comparando as velocidades de conexión antes de comezar a clase e unha vez comezada (con 16 ordenadores máis conectados).


Digo que hoxe vai ben porque en outras ocasión que quixen facer o test aparecía:


(Increiblemente subín as imaxes dende o centro, xa que na maioría das ocasións teño que facelo dende a casa)
Poderemos traballar cunha conectividade aceptable?
Esperemos que grazas a @LeoRC_ e @Carlinhos_mos o consigamos.

5 feb 2013

Safer Internet Day 2013

Hoxe é Día de Internet Segura 2013. Como podes ver polo título (en inglés) é un día que se celebra a nivel internacional (máis de 70 países) para promover un uso seguro e responsable de Internet sobre todo por parte dos menores e xoves.
Este ano está dedicado a frear a fenda dixital promovendo o traballo e colaboración entre persoas de distintas xeracións. O eslogan é CONÉCTATE E RESPETA.
Este vídeo é o spot deste ano: