3 feb 2016

Concurso de fotografía

Aínda que non volo pareza, estamos rodeados de matemáticas. Unindo esto á crecente moda da fotografía dixital (porque case que todos levamos unha boa máquina fotográfica no peto) propoñémosvos un concurso de fotografía relacionada coas matemáticas. O prazo de presentación é do 1 de febreiro ao 30 de abril conforme ao que aparece nas bases. Anímate a participar que os premios son apetecibles:
Premi
  • 1º premio: 80 € en material escolar.
  • 2º premio: 40 € en material escolar.
  • 3º premio: 20 € en material escolar.

2 dic 2014

Perguiza

E xa hai case un ano que non publico nada!!

Entre que xa non dou clases de Informática (se ao que facía se lle podía chamar "dar clase de Informática") e tampouco teño demasiado tempo para tanto blog, tanto twitter, tanto Google + e, sobre todo, que estou moi perguiceiro para buscar ou pensar sobre que escribir... este blog está case que abandoado. Case tan abandoado como a vila... (en fin, deixemos ese tema)

Empezou o curso, como non, con recortes. Afortunadamente despois non se cumpriron as peores previsións iniciais e a cousa no IES está, máis ou menos, como no pasado curso. Con nova directiva, que aínda que veu con aires de continuidade (como, creo, non podía ser doutra forma), si que se notan desaxustes propios da novidade. Espero que nada que o tempo non corrixa.

Rematando xa o primeiro trimestre, dicir que teño, en xeral, un bo alumnado. (Lástima que o primeiro de bacharelato sexa un grupo tan numeroso!)

Pois iso, que moita perguiza para publicar. Ata outra! (Espero que non tarde tanto, pero esperádeme...)


31 dic 2013

Remata o 2013

Último día deste ano. Remata o ano, un ano no que a crise económica está levando aos nosos desgobernates a aplicar a súa ideoloxía escudándose no aforro. Proclaman austeridade para todos menos para eles e os seus poderosos amigos. Recortan servizos sociais, sanidade e educación, perxudicando ás clases sociais máis desfavorecidas e privatizan servizos públicos para enrequzemento das clases máis poderosas. Están a levar este país a unha situación similar á que había 30, ou máis, anos atras.

Sempre que empeza un ano propoñémonos accións para mellorar e facemos unhas peticións para ver se se cumpren algúns desexos. Uns pídenllos a Papá Noel, outros aos Reis Magos, outros a santidades varias... hai para todos os gustos.
As miñas peticións van dirixidas a xente máis terrenal, aí van:
  • Comezo polo meu alumnado, pídolle que ... LEA, sexa crítico, que se forme o mellor posible, que dubide de todo, sexa curioso e pregunte.
  • Ao rei Juan Carlos pídolle que propoña a terceira república.
  • A Mariano Rajoy que admita a corrupción no seu partido (secreto a voces), dimita e convoque eleccións.
  • Aos votantes pídolle que non voten a ningún partido que leve corruptos nas listas, é dicir, pido o voto en branco!
  • Ao que gañe esas eleccións pídolle unha SANIDADE, EDUCACIÓN E SERVIZOS SOCIAIS, públicos e de calidade. Ademais debe traballar arreo para volver a unha tasa de paro decente. Se ademais devolve o poder adquisitivo de todos os traballadores a onde debe estar, xa... doulle un bico. (Polo tanto á LOMCE a freir churros!)
  • Aos traballadores (todos) pídolles eso, que traballen, pídolles profesionalidade.
  • Á cidadanía tamén lles pido iso, que sexa cidadá, cívica, educada, que predique co exemplo para poder esixir.
  • Ao meu conselleiro (algo sinxeliño) pídolle que baixe das nubes e nos dote cunha conexión a internet para o meu centro que nos permita traballar decentemente na nube.
Por último un desexo para todos: Saúde, boas festas e mellor 2014!

19 dic 2013

Non á LOMCE

Onte día 18 de decembro, alumnado do IES Breamo levou a cabo unha concentración no tempo de lecer para rexeitar a nova lei de Educación do PP (digo do PP porque é o único partido que a apoia).
O meu apoio a este acto! e o meu rexeitamento a esta lei. NON Á LOMCE!! #Wertdimisión

11 dic 2013

Poderemos traballar cunha conectividade aceptable?

IES Breamo, Pontedeume (A Coruña, Galiza, España, ¿Europa?) un día calquera a unha hora calquera e calquera de nós, se queremos poñer faltas no sistema de xestión, se queremos acceder a Google Drive, se queremos consultar algunha páxina web, incluso hai quen quere ver un vídeo de YouTube (jajaja, iluso/a); nada, imposible, perdemos o tempo sentados diante do ordenador para, ao final e na maioría dos casos, desesperados, non poder facer nada do previsto e cagarnos maldicir, cando menos, a conexión.

Na asignatura de Informática de 4º de ESO, en lugar de ensinar algún paquete ofimático como Open Office, Libre Office ou algún outro no que estades pensando (por certo, carísimo) decidín facer todo iso en Google Drive (así podemos compartir e colaborar con moita máis facilidade), temos sempre a última versión gratis, decidín que o alumnado tivera un blog onde publicar os seus traballos, facer cuestionarios (tamén de Google Drive) e poder consultar en Internet na súas respostas, ... E si, ímolo facendo, unhas veces (a maioría) moooooi lentamente, outras (as menos) cunha velocidade case aceptable.

Ante esta situación o alumnado (máis ben unha alumna e un alumno) decidíu recoller sinaturas entre os seus compañeiros e compañeiras, entre o profesorado e tamén das familias, para presentar ante a Xefatura Territorial da Consellería e solicitar unha mellora na conectividade que nos permita traballar como se estiveramos no século XXI. Asinaron 38 profesores/as, 251 alumnos/as e 190 pais/nais. (Bo traballo Leo e Carlos!!)

Por certo, hoxe temos sorte e a conexión vai bastante ben, deixovos unha imaxe dun test de velocidade que fixen a primeira hora comparando as velocidades de conexión antes de comezar a clase e unha vez comezada (con 16 ordenadores máis conectados).


Digo que hoxe vai ben porque en outras ocasión que quixen facer o test aparecía:


(Increiblemente subín as imaxes dende o centro, xa que na maioría das ocasións teño que facelo dende a casa)
Poderemos traballar cunha conectividade aceptable?
Esperemos que grazas a @LeoRC_ e @Carlinhos_mos o consigamos.

5 feb 2013

Safer Internet Day 2013

Hoxe é Día de Internet Segura 2013. Como podes ver polo título (en inglés) é un día que se celebra a nivel internacional (máis de 70 países) para promover un uso seguro e responsable de Internet sobre todo por parte dos menores e xoves.
Este ano está dedicado a frear a fenda dixital promovendo o traballo e colaboración entre persoas de distintas xeracións. O eslogan é CONÉCTATE E RESPETA.
Este vídeo é o spot deste ano:

7 nov 2012

Que contraditorio!

(Espero que coherente)

Quero expresar o meu máis profundo rexeitamento ás medidas aplicadas polos nosos gobernantes nestes últimos tempos. Recortes na Educación pública, na Sanidade pública e demais servizos sociais; suba de impostos a todas as clases sociais (IVE); amnistía fiscal aos grandes defraudadores; privilexios á banca e aos que nos levaron a esta situación; recortes aos funcionarios; reforma laboral máis que inxusta; ... Non sigo, podedes engadir nos comentarios as medidas que non vos gusten.

Lendo o anterior parece claro que secundarei a folga xeral convocada para o vindeiro 14 de novembro. Pois non, non a secundarei. E non, non é que esté mal da cabeza (que tamén podería poñer esa desculpa jejeje), ocorre que hai dúas razóns de peso nesta decisión:

  1. Economicamente non me podo permitir outra folga. Aínda me teñen que descontar o correspondente á folga anterior que si secundei (creo recordar que foi o 29 de marzo e non sei a canto ascende a derrama) e, ademais das baixadas de soldo anteriores, acábanme de recortar un 7% -aproximadamente- do soldo (recorte que notarei en decembro coa perda da extra).
  2. (A máis importante) Hai poucas semanas que unha ampla maioría da sociedade galega avalou esta política. Entre os que votaron ao PP e os que se quedaron na casa, ao meu entender, demostran que gran parte dos galegos e galegas son partidarios de seguir como estamos.
Tendo en conta que a miña economía resentirase menos se non secundo a folga e contando que xa me manifestei onde máis nos debemos manifestar, que son as eleccións; e aí, nesa manifestación, democraticamente, arrasaron (45,72% dos que votaron e 36,2% dos que podían votar) os partidarios de seguir como estamos; eu, defensor da democracia, o 14N irei ao meu posto de traballo aínda que apoio todas as reivindicacións dos convocantes. CONTRADICIÓNS!! Coherencia??, non sei.
Foto de Innobasque en imágenes

Deixo unha pregunta no aire: Cantos dos convocantes, cantos dos que ese día serán piquetes ou cantos dos que ese día farán folga, non votaron o 21-O (ou, o que é peor, votaron ao PP avalando as súas políticas)?
Guste máis ou guste menos o sistema electoral, o sistema de partidos, ou outras razóns argumentadas, ningunha pode xustificar a non participación nas urnas, agás a de "non me importa".
Pois iso...


10 oct 2012

Polo ENSINO, polo futuro!

Neste país, cando se teñen arredor dos 14 anos, a principal ocupación da maioría é o estudo e a formación. Estes factores son claves para unha vida plena en liberdade e para garantir a igualdade de oportunidades de todas as clases sociais, razas e, por suposto, sexa cal sexa o sexo ou tendencia sexual de cada un. Todo esto será posible, e cada vez máis ao noso alcance, se temos un ensino público gratuíto e de calidade.

Ultimamente estamos a sufrir uns recortes e ataques ao ensino público que fan retroceder moito do avanzado nos últimos anos. Aumento de gastos polos libros de texto, descenso nas becas, masificacións nas aulas públicas fan que as élites, os ricos, teñan moitas máis oportunidades que a clase media-baixa (cada vez máis baixa). O recorte que estamos a sufrir é aínda máis doloroso se vemos que, con cartos públicos, se financian innecesariamente centros privados e mesmo centros onde separan a mozos e mozas con criterios doutra triste época aínda añorada por algunhas mentes carcas.

Poñamos en valor o que temos (escribo en presente porque aínda estamos a tempo de mantelo) e reivindiquemos con forza un ensino público, gratuíto e de calidade. Tanto mozos e mozas como pais e nais non nos debemos conformar e, coa desculpa da crise, permitir que se impoñan unhas ideoloxías que nos fan retroceder a tempos que creiamos superados.

Quixera que as novas xeracións, que non viviron outras épocas, aprecien o que temos, loiten por mantelo e aproveiten as oportunidades. Por desgraza, e sen querer comparar, noutros países a educación non é nin gratuíta nin igualitaria e desgrazadamente, con 14 anos, chegan a xogarse a vida para poder ir á escola. Só apreciaremos o que temos cando o perdamos?

27 sept 2012

Volvemos ao traballo

Novo curso e volve o traballo. Despois da interrupción neste blog (e noutros ámbitos), por causas alleas á vontade do seu autor, retomamos agora a actividade.
Novo curso, novo alumnado, novas asignaturas e ilusión tamén renovada, espero que sexa un curso fructífero e que en ningún momento nos falten as ganas.

Déixovos uns vídeos nos que a actriz María León e o cantante Macaco invitan a, como eles, terminar a escola:


14 abr 2012

Viaxe a Santiago

O alumnado de 2 de ESO e 4 alumnos de 2º de Bac (Arte) foron onte a Santiago de Compostela a ver as cubertas de Catedral e o Parlamento. Aquí tedes unhas imaxes:

2 abr 2012

#SOSFragasdoEume

Para protexer o noso mellor patrimonio vémonos hoxe ás 20:00 horas diante da casa do Concelllo de Pontedeume. Acude!!, esta maravilla non se pode perder, témola que conservar.

17 mar 2012

Saída a La Voz de Galicia


Tedes aquí unha recopilación de imaxes da saída de alumnado de 2º de ESO ás instalacións de La Voz de Galicia

23 dic 2011

Bo Nadal e mellor 2012

Os meus mellores desexos para todas e todos. Se queres, podes ver a miña felicitación